Monday 13 de May de 2024

No 2021 cada pobrense reciclou 75’25 quilogramos de residuos


Segundo os datos aportados pola Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), cada pobrense reciclou 75’25 quilogramos de residuos no transcurso do pasado exercicio. Unha cifra que se incrementa lixeiramente en comparación ao 2020, onde se acadaron os 74’37 quilogramos. Atendendo á recollida selectiva, os envases lixeiros constitúen 21’19 kg, seguidos do vidro (18’61 kg), papel-cartón (15’39 kg), o rexistrado no punto limpo do polígono da Tomada (14’87 kg), téxtil (4’27 kg), aceite doméstico (0’76 kg), o depositado nos minipuntos limpos urbanos (0’11 kg) e o do punto limpo móbil (0’05 kg).

Doutra banda, no conxunto do termo municipal xeráronse 3869’4 toneladas da fracción do resto; 195 de envases lixeiros; arredor de 170 de vidro; e 140 de papel-cartón. Unhas cifras similares á de anualidades anteriores. Para o depósito destes residuos, a veciñanza dispón de 448 contedores xenéricos, 221 de envases lixeiros, 64 de papel-cartón e 51 de vidro.

Así mesmo, dende a Área do Medio Ambiente estímase que os composteiros domésticos instalados actualmente repercutiron nunha redución de aproximadamente 62 toneladas de materia orgánica nos contedores xenéricos dende o inicio das campañas ata o de agora.